Os piñeiros son árbores coníferas (raramente arbustos) perennes pertencentes ao xénero Pinus, da familia Pinaceae e da subfamilia Pinoideae, e xa que logo abrangue diversas especies, a maior parte delas nativas do hemisferio Norte. O piñeiro presenta unha ramificación frecuentemente verticilada e máis ou menos regular.
Son hoxe en día comúns na paisaxe galega, maiormente por mor das reforestacións efectuadas nos séculos XIX e XX sobre uceiras, fragas e carballeiras para o aproveitamento principalmente madeireiro. Con todo o piñeiro bravo (Pinus pinaster) pódese considerar unha especie autóctona, sendo ademais xunto co carballo e o toxo un dos símbolos botánicos do país, que incluso aparece referenciado no himno.
A copa pode ser piramidal ou redondeada e, nas árbores adultas, ancha e deprimida. Os macroblastos presentan follas escuamiformes sen clorofila, mentres que os braquiblastos son moi curtos, cunha vaíña membranosa de escamas e están rematados por entre dúas e cinco follas lineares ou aciculares, con dúas ou máis canles resiníferas cada unha. Os conos masculinos desenvólvense na base dos gromos anuais. Os estróbilos ou ‘piñas’ presentan escamas persistentes: as tectrices son rudimentarias e inclusas, e as seminíferas acostuman presentar unha protuberancia ou embigo na súa parte externa (apófose). Maduran bianual o trienalmente. As sementes son aladas coa testa máis ou menos lignificada. Ás veces son comestíbeis (piñóns).
Os piñeiros producen resina. A casca da maioría dos piñeiros é grosa e nalgunhas especies é escamosa. Os rebentos prodúcense en inflorescencias regulares, que de feito son unha espiral moi apertada como se fose un anel de rebentos que xurdisen do mesmo punto. Moitas especies de piñeiros son uninodais, é dicir, producen só un verticilo de rebentos por ano, no inicio da época de floración, mais outras son multinodais, e producen dous ou máis verticilos por ano. Na primavera os rebentos son de cor máis clara, apuntan cara arriba e despois van escurecendo. Estes rebentos primaverais serven para avaliar o estado nutricional das plantas.
Os piñeiros teñen catro tipos de follas que van aparecendo progresivamente na planta.
- un verticilo de 4-20 follas de sementes (cotiledóns)
- follas xuvenís nas plantas novas, de 2 a 6 cm de ancho, simples, verdes ou verde-azuladas, dispostas en espiral no rebento. Estas follas permanecen na planta unicamente durante a primeira fase, que pode estenderse de seis meses a cinco anos.
- follas protectoras, que substitúen as anteriores, similares a balanzas, pequenas, pardas e non-fotosintéticas, que se dispoñen coa mesma distribución cás follas xuvenís;
- as follas adultas ou agullas, de cor verde, (fotosintéticas), agrupadas en grupos (fascículos) de entre 2 e 5 agullas (ocasionalmente 1 ou 6). Cada fascículo prodúcese a partir dun pequeno rebento no eixo dunha folla protectora. As agullas permanecen na planta por espazos que poden ir dende o ano e medio ata os 40 anos, dependendo das especies. Se un rebento fose danado (se o comese un animal, p.ex.), os fascículos de agullas immediatamente inferiores producirán un novo rebento que substitúa o anterior.
Piñeiro manso (Pinus pinea)
Os piñeiros son monoicos, é dicir, conteñen órganos masculinos e femininos (conos) na mesma árbore. Os conos machos son pequenos, de 1 a 5 cm de ancho, e só aparecen durante un curto período (normalmente na primavera; nun número reducido de especies, no outono), ata que caen cando o seu pole se dispersa. Os conos femininos botan de 1,5 a 3 anos (dependendo da especie) madurecendo e, logo da polinización, a fertilización aínda pode durar un ano máis. Na súa madurez, os conos femininos teñen de 3 a 60 cm de ancho. Cada cono ten numerosas follas protectoras dispostas en espiral, e cada unha delas contén dúas sementes fértiles. As follas protectoras mais próximas á base do cono son pequenas e estériles, sen sementes.
O ritmo de crecemento en espiral das pólas e das agullas e as proporcións das piñas seguen a ratio do número de Fibonacci.
A maioría das sementes son pequenas e teñen ás para que as disperse o vento (anemofilia), pero algunhas son maiores e posúen unicamente unha á vestixial co que teñen que ser dispersadas polas aves (Nucifraga caryocatactes, Nucifraga columbiana, Gymnorhinus cyanocephalus…) ou por esquíos. A madurez do cono chega, por regra xeral, cando se abre e libera as sementes, pero nas especies onde as aves son os vehículos de propagación (p.ex. Pinus albicaulis), é o animal quen debe fender o receptáculo do cono para abrilo. Noutras especies, que dependen de incendios forestais para a súa reprodución, o lume abre unha gran cantidade de conos depositada ao longo dos anos asemade que destrúe a árbore-nai, co que se repoboa o bosque.
FONTE: http://wikipedia.org