Traballando o Día Escolar da Paz e Non Violencia

Con motivo do Día Escolar da Paz e da Non Violencia, o alumnado de 5º de Primaria levou a cabo unha serie de actividades nas que a creatividade, a reflexión e a imaxinación foron as grandes protagonistas.

Por unha banda, os nenos e nenas convertéronse en auténticos xornalistas, elaborando noticias sobre a paz e a guerra vistas desde a súa propia mirada. A través dos seus textos, demostraron unha gran sensibilidade e capacidade para analizar o mundo que os rodea, propoñendo mensaxes cheas de esperanza e desexo de convivencia pacífica. Estas mesmas noticias foron tamén gravadas para a radio do colexio, permitindo que as súas reflexións chegasen a toda a comunidade educativa. Deixo por aquí o enlace: https://youtu.be/2lrIJVKhp_c

Ademais, deixaron voar a súa creatividade creando palabras ao estilo grafitti, empregando termos directamente relacionados coa paz, como solidariedade, amizade, respecto ou empatía. Estas creacións encheron o espazo de cor e significado, transmitindo valores fundamentais dun xeito artístico e visual.

Por último, o alumnado inspirouse na famosa pomba da paz de Banksy para descubrir como a arte urbana pode ser unha poderosa ferramenta para transmitir mensaxes sociais. A través desta actividade comprenderon que a arte non só serve para decorar, senón tamén para facer pensar, denunciar inxustizas e promover cambios positivos na sociedade.

Foi unha actividade moi especial na que aprendemos que a paz constrúese cada día, con palabras, ideas e accións, e que todos e todas podemos contribuír a facela realidade. ✌️🕊️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *