DÍA DAS LETRAS GALEGAS

O pasado venres 22 de maio celebramos no noso colexio o Día das Letras Galegas cunha xornada chea de música, tradición e convivencia.

O acto comezou coa participación dos nenos e nenas de Primaria, que interpretaron con moita ilusión o Himno Galego, acompañándoo con diferentes instrumentos musicais. Ademais, tamén cantaron unha canción dedicada á autora homenaxeada este ano, Begoña Caamaño, achegándose así á súa figura e á súa importante contribución á cultura e a literatura galega.

Despois desta actuación, o alumnado de 6º de Educación Primaria preparou e orgnizou unha serie de xogos tradicionais galegos para todo o colexio. Os rapaces e rapazas puideron participar en diferentes actividades, compartindo momentos de diversión mentres coñecían e valoraban parte do noso patrimonio cultural.

Foi unha xornada moi especial na que toda a comunidade educativa gozou celebrando a lingua e literatura galgas, reforzando o respecto polas nosas tradicións e fomentando a participación e a convivencia entre todo o alumnado.

Queremos agradecer a implicación de todos os nenos e nenas, así como do profesorado, que fixeron posible esta fermosa celebración do Día das Letras Galegas!!!!

O MAIO

O pasado xoves 14 de maio celebramos no colexio a tradicional Festa do Maio. Foi unha xornada moi especial na que compartimos música, tradición e convivencia.

Este ano tivemos ademais a visita dos alumnos do intercambio de Portugal, que participaron con moita ilusión nas actividades e puideron coñecer máis de preto esta festa tan importante da nosa cultura.

Como facemos todos os anos, confeccionamos o noso maio entre todos, decorándoo con moito coidado e creatividade. Despois, reunímonos para cantarlle a tradicional canción do maio, enchendo o patio de alegría e entusiasmo.

Para rematar a celebración, compartimos unhas deliciosas roscas, disfrutando dun momento de convivencia entre alumnado e profesorado.

Foi un día moi bonito no que mantivemos vivas as nosas tradicións!

23 DE ABRIL: DÍA DO LIBRO

Hoxe celebramos no cole o Día do Libro cunha xornada chea de ilusión, historias e momentos compartidos 📚✨

Para conmemorar esta data tan especial, realizamos un vídeo con recomendacións lectoras no que o alumnado compartiu algúns dos seus libros favoritos, animando a todos e todas a seguir descubrindo o marabilloso mundo da lectura.


Ademais, levamos a cabo unha actividade moi especial: o apadriñamento lector. Os nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de Primaria convertéronse en lectores e lectoras exemplares ao ler contos aos máis pequenos do cole. Todo isto tivo lugar no noso precioso patio, que se encheu de palabras, imaxinación e sorrisos.

Foi unha experiencia moi enriquecedora, na que maiores e pequenos compartiron tempo, aprendizaxe e, sobre todo, o amor polos libros.

Seguimos fomentando a lectura como unha porta aberta á creatividade, ao coñecemento e á diversión. Feliz Día do Libro a todos e todas! 🌼📖

8M: Día Internacional da Muller

O pasado venres conmemorouse no noso colexio o Día Internacional da Muller (8M), unha xornada moi especial dedicada a reflexionar sobre a igualdade, o respecto e o papel fundamental das mulleres na nosa sociedade.

Ao longo do día, os nenos e nenas de todo o colexio participaron nunha actividade conxunta chea de significado. Cada alumno e alumna escribiu nun lazo de cor violeta palabras, mensaxes ou frases relacionadas coa igualdade, o respecto e a importancia deste día.

Unha vez rematados, todos os lazos foron colocados nunha árbore do colexio, que se encheu de cor violeta e de mensaxes positivas. A nosa árbore converteuse así nun símbolo do compromiso de toda a comunidade educativa coa igualdade entre mulleres e homes.

Foi unha actividade moi bonita na que todos e todas puidemos expresar as nosas ideas e sentimentos, lembrando que entre todos e todas podemos construír un mundo máis xusto e igualitario.

Seguiremos traballando xuntos para fomentar valores como o respecto, a igualdade e a convivencia.

23 DE FEBREIRO: DÍA DE ROSALÍA

O 23 de febreiro celebramos no noso colexio o Día de Rosalía, unha data moi especial dedicada a lembrar e homenaxear a Rosalía de Castro, unha das figuras máis importantes da nosa literatura e da nosa identidade cultural.

Cada clase está a traballar diferentes aspectos relacionados coa súa vida, coa súa obra e coa importancia da súa figura na historia de Galicia. Ao longo destes días, o alumnado está a achegarse á súa historia e ao seu legado, reflexionando sobre o valor da nosa lingua e da nosa cultura.

Con esta conmemoración queremos non só lembrar a Rosalía, senón tamén transmitir ao noso alumnado o orgullo de formar parte dunha comunidade con unha tradición literaria tan rica.

Ademais, os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria asistiron ao Auditorio de Ribeira para escoitar a Uxía Senlle, que nos deleitou coa súa voz, interpretando uns versos de Rosalía, acompañada dunha melodía dunha guitarra e un acordeón.

Seguimos celebrando a Rosalía hoxe e sempre.

Feliz Día de Rosalía! 🌹


CHEGA O ENTROIDO

A semana que vén o Entroido chega ao noso cole, unha das festas máis agardadas do ano por pequenos e maiores. Durante estes días encheremos as aulas e os corredores de cor, música, risas e moita imaxinación.

Como xa é tradición, o noso querido Felipiño fará acto de presenza para deixar as súas divertidas instrucións: os mandadiños. Ao longo da semana, os nenos e nenas deberán cumprir estas ordes cheas de humor e creatividade, que nos irán preparando pouco a pouco para o gran día da celebración.

Animámosvos a todos e todas a participar con ilusión, a seguir os mandadiños con ganas e, sobre todo, a desfrutar desta festa tan especial que forma parte da nosa cultura.
¡Que comece o Entroido no cole de Olveira! 🎉🎭

Para ver os vídeos e as fotos do Entroido podedes acceder ao Blogue da Biblioteca do CEIP de Olveira https://biblioceipdeolveira.blogspot.com/2026/02/entroido.html

PROXECTO SOLIDARIO: ABRIGO E ACUBILLO

O alumnado de 5º e 6º curso de Educación Primaria forma parte do proxecto solidario “Abrigo e Acubillo”, participando de maneira activa coa Asociación Galega de Solidariedade co Pobo Saharauí.

A actividade dará comezo cunha pequena explicación inicial a modo de presentación do obradoiro e, posteriormente, levarase a cabo a elaboración dunha colcha que a asociación porá á venda para conseguir recursos económicos destinados a esta iniciativa solidaria.

Por aquí deixo un breve vídeo da primeira parte da actividade:

30 DE XANEIRO: Celebramos Día da Paz a través da arte

Hoxe celebramos no cole o Día da Paz, unha data moi especial que levamos traballando ao longo de toda a semana nas aulas. Este ano fixémolo baixo o lema “Na procura da paz a través da arte”, unha proposta que nos permitiu unir creatividade, reflexión e valores.

Os nenos e nenas recrearon cadros de artistas famosos como Picasso ou Dalí, achegándose ás súas obras dun xeito moi significativo. Ademais, explicaron o que representan eses cadros e compartiron que cousas lles transmiten paz. Algunhas das respostas foron tan sinxelas como fermosas: “a min dame paz correr”, xogar, estar coa familia ou escoitar música.

Así mesmo, xunto coa teacher, elaboraron un precioso mural de nenúfares, inspirado nun cadro de Claude Monet. En cada nenúfar escribiron palabras relacionadas coa paz, enchendo o mural de cor, mensaxes positivas e ilusión.

Para rematar esta celebración, hoxe todos os nenos e nenas do cole bailamos xuntos a canción I Am Yoga Song, de Emily Arrow, https://drive.google.com/file/d/19D9Kqj9UChS-pUCZ_BHqXH3PWX1k8yVI/view?usp=sharing poñendo o broche final a unha xornada chea de calma, movemento e boa enerxía. 💙🎨🕊️

Traballando o Día Escolar da Paz e Non Violencia

Con motivo do Día Escolar da Paz e da Non Violencia, o alumnado de 5º de Primaria levou a cabo unha serie de actividades nas que a creatividade, a reflexión e a imaxinación foron as grandes protagonistas.

Por unha banda, os nenos e nenas convertéronse en auténticos xornalistas, elaborando noticias sobre a paz e a guerra vistas desde a súa propia mirada. A través dos seus textos, demostraron unha gran sensibilidade e capacidade para analizar o mundo que os rodea, propoñendo mensaxes cheas de esperanza e desexo de convivencia pacífica. Estas mesmas noticias foron tamén gravadas para a radio do colexio, permitindo que as súas reflexións chegasen a toda a comunidade educativa. Deixo por aquí o enlace: https://youtu.be/2lrIJVKhp_c

Ademais, deixaron voar a súa creatividade creando palabras ao estilo grafitti, empregando termos directamente relacionados coa paz, como solidariedade, amizade, respecto ou empatía. Estas creacións encheron o espazo de cor e significado, transmitindo valores fundamentais dun xeito artístico e visual.

Por último, o alumnado inspirouse na famosa pomba da paz de Banksy para descubrir como a arte urbana pode ser unha poderosa ferramenta para transmitir mensaxes sociais. A través desta actividade comprenderon que a arte non só serve para decorar, senón tamén para facer pensar, denunciar inxustizas e promover cambios positivos na sociedade.

Foi unha actividade moi especial na que aprendemos que a paz constrúese cada día, con palabras, ideas e accións, e que todos e todas podemos contribuír a facela realidade. ✌️🕊️

ÚLTIMO DÍA DE COLE DO 1º TRIMESTRE

O último día de cole antes das vacacións celebramos, como xa é tradición, o noso Festival de Nadal. Foi unha xornada moi especial chea de música, baile e moita ilusión.

Todos os cursos tiñan preparado un baile, e algúns grupos incluso animáronse a acompañar as coreografías con instrumentos musicais, demostrando todo o seu talento e o gran traballo feito nas aulas. O público gozou moitísimo de cada actuación.

Durante a mañá tamén tivo lugar a entrega de premios aos gañadores do concurso de cabazas do Samaín, unhas creacións moi orixinais que puxeron de manifesto a imaxinación e creatividade do alumnado.

E para rematar o día dun xeito moi divertido, xuntámonos para celebrar simbolicamente a entrada do ano 2026 coas 12 badaladas… acompañadas de gusanitos! Un momento cheo de risas que fixo as delicias de todos e todas.

Pasámolo en grande e despedimos o trimestre do mellor xeito posible. Agora toca coller forzas para este 2º trimestre!!!
FELIZ ANO 2026!

*Para ver o festival de nadal preme no seguinte enlace: https://drive.google.com/file/d/1-CIZSxhPvBmeA9WwULisBtNe04RxHsT0/view