8M: Día Internacional da Muller

O pasado venres conmemorouse no noso colexio o Día Internacional da Muller (8M), unha xornada moi especial dedicada a reflexionar sobre a igualdade, o respecto e o papel fundamental das mulleres na nosa sociedade.

Ao longo do día, os nenos e nenas de todo o colexio participaron nunha actividade conxunta chea de significado. Cada alumno e alumna escribiu nun lazo de cor violeta palabras, mensaxes ou frases relacionadas coa igualdade, o respecto e a importancia deste día.

Unha vez rematados, todos os lazos foron colocados nunha árbore do colexio, que se encheu de cor violeta e de mensaxes positivas. A nosa árbore converteuse así nun símbolo do compromiso de toda a comunidade educativa coa igualdade entre mulleres e homes.

Foi unha actividade moi bonita na que todos e todas puidemos expresar as nosas ideas e sentimentos, lembrando que entre todos e todas podemos construír un mundo máis xusto e igualitario.

Seguiremos traballando xuntos para fomentar valores como o respecto, a igualdade e a convivencia.

23 DE FEBREIRO: DÍA DE ROSALÍA

O 23 de febreiro celebramos no noso colexio o Día de Rosalía, unha data moi especial dedicada a lembrar e homenaxear a Rosalía de Castro, unha das figuras máis importantes da nosa literatura e da nosa identidade cultural.

Cada clase está a traballar diferentes aspectos relacionados coa súa vida, coa súa obra e coa importancia da súa figura na historia de Galicia. Ao longo destes días, o alumnado está a achegarse á súa historia e ao seu legado, reflexionando sobre o valor da nosa lingua e da nosa cultura.

Con esta conmemoración queremos non só lembrar a Rosalía, senón tamén transmitir ao noso alumnado o orgullo de formar parte dunha comunidade con unha tradición literaria tan rica.

Ademais, os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria asistiron ao Auditorio de Ribeira para escoitar a Uxía Senlle, que nos deleitou coa súa voz, interpretando uns versos de Rosalía, acompañada dunha melodía dunha guitarra e un acordeón.

Seguimos celebrando a Rosalía hoxe e sempre.

Feliz Día de Rosalía! 🌹


CHEGA O ENTROIDO

A semana que vén o Entroido chega ao noso cole, unha das festas máis agardadas do ano por pequenos e maiores. Durante estes días encheremos as aulas e os corredores de cor, música, risas e moita imaxinación.

Como xa é tradición, o noso querido Felipiño fará acto de presenza para deixar as súas divertidas instrucións: os mandadiños. Ao longo da semana, os nenos e nenas deberán cumprir estas ordes cheas de humor e creatividade, que nos irán preparando pouco a pouco para o gran día da celebración.

Animámosvos a todos e todas a participar con ilusión, a seguir os mandadiños con ganas e, sobre todo, a desfrutar desta festa tan especial que forma parte da nosa cultura.
¡Que comece o Entroido no cole de Olveira! 🎉🎭

Para ver os vídeos e as fotos do Entroido podedes acceder ao Blogue da Biblioteca do CEIP de Olveira https://biblioceipdeolveira.blogspot.com/2026/02/entroido.html

PROXECTO SOLIDARIO: ABRIGO E ACUBILLO

O alumnado de 5º e 6º curso de Educación Primaria forma parte do proxecto solidario “Abrigo e Acubillo”, participando de maneira activa coa Asociación Galega de Solidariedade co Pobo Saharauí.

A actividade dará comezo cunha pequena explicación inicial a modo de presentación do obradoiro e, posteriormente, levarase a cabo a elaboración dunha colcha que a asociación porá á venda para conseguir recursos económicos destinados a esta iniciativa solidaria.

Por aquí deixo un breve vídeo da primeira parte da actividade:

30 DE XANEIRO: Celebramos Día da Paz a través da arte

Hoxe celebramos no cole o Día da Paz, unha data moi especial que levamos traballando ao longo de toda a semana nas aulas. Este ano fixémolo baixo o lema “Na procura da paz a través da arte”, unha proposta que nos permitiu unir creatividade, reflexión e valores.

Os nenos e nenas recrearon cadros de artistas famosos como Picasso ou Dalí, achegándose ás súas obras dun xeito moi significativo. Ademais, explicaron o que representan eses cadros e compartiron que cousas lles transmiten paz. Algunhas das respostas foron tan sinxelas como fermosas: “a min dame paz correr”, xogar, estar coa familia ou escoitar música.

Así mesmo, xunto coa teacher, elaboraron un precioso mural de nenúfares, inspirado nun cadro de Claude Monet. En cada nenúfar escribiron palabras relacionadas coa paz, enchendo o mural de cor, mensaxes positivas e ilusión.

Para rematar esta celebración, hoxe todos os nenos e nenas do cole bailamos xuntos a canción I Am Yoga Song, de Emily Arrow, https://drive.google.com/file/d/19D9Kqj9UChS-pUCZ_BHqXH3PWX1k8yVI/view?usp=sharing poñendo o broche final a unha xornada chea de calma, movemento e boa enerxía. 💙🎨🕊️

Traballando o Día Escolar da Paz e Non Violencia

Con motivo do Día Escolar da Paz e da Non Violencia, o alumnado de 5º de Primaria levou a cabo unha serie de actividades nas que a creatividade, a reflexión e a imaxinación foron as grandes protagonistas.

Por unha banda, os nenos e nenas convertéronse en auténticos xornalistas, elaborando noticias sobre a paz e a guerra vistas desde a súa propia mirada. A través dos seus textos, demostraron unha gran sensibilidade e capacidade para analizar o mundo que os rodea, propoñendo mensaxes cheas de esperanza e desexo de convivencia pacífica. Estas mesmas noticias foron tamén gravadas para a radio do colexio, permitindo que as súas reflexións chegasen a toda a comunidade educativa. Deixo por aquí o enlace: https://youtu.be/2lrIJVKhp_c

Ademais, deixaron voar a súa creatividade creando palabras ao estilo grafitti, empregando termos directamente relacionados coa paz, como solidariedade, amizade, respecto ou empatía. Estas creacións encheron o espazo de cor e significado, transmitindo valores fundamentais dun xeito artístico e visual.

Por último, o alumnado inspirouse na famosa pomba da paz de Banksy para descubrir como a arte urbana pode ser unha poderosa ferramenta para transmitir mensaxes sociais. A través desta actividade comprenderon que a arte non só serve para decorar, senón tamén para facer pensar, denunciar inxustizas e promover cambios positivos na sociedade.

Foi unha actividade moi especial na que aprendemos que a paz constrúese cada día, con palabras, ideas e accións, e que todos e todas podemos contribuír a facela realidade. ✌️🕊️

ÚLTIMO DÍA DE COLE DO 1º TRIMESTRE

O último día de cole antes das vacacións celebramos, como xa é tradición, o noso Festival de Nadal. Foi unha xornada moi especial chea de música, baile e moita ilusión.

Todos os cursos tiñan preparado un baile, e algúns grupos incluso animáronse a acompañar as coreografías con instrumentos musicais, demostrando todo o seu talento e o gran traballo feito nas aulas. O público gozou moitísimo de cada actuación.

Durante a mañá tamén tivo lugar a entrega de premios aos gañadores do concurso de cabazas do Samaín, unhas creacións moi orixinais que puxeron de manifesto a imaxinación e creatividade do alumnado.

E para rematar o día dun xeito moi divertido, xuntámonos para celebrar simbolicamente a entrada do ano 2026 coas 12 badaladas… acompañadas de gusanitos! Un momento cheo de risas que fixo as delicias de todos e todas.

Pasámolo en grande e despedimos o trimestre do mellor xeito posible. Agora toca coller forzas para este 2º trimestre!!!
FELIZ ANO 2026!

*Para ver o festival de nadal preme no seguinte enlace: https://drive.google.com/file/d/1-CIZSxhPvBmeA9WwULisBtNe04RxHsT0/view

VISITA ESPECIAL NO COLE

Onte tivemos unha sorpresa moi agradable no noso cole: veu a carteira a recoller as cartas que preparamos con tanto cariño para as familias dos nenos e nenas.
A carteira marchou cun sorriso enorme e nós quedamos coa sensación de que, ás veces, os pequenos xestos como enviar unha carta, poden converter un día normal nun día especial.
Agora só queda esperar a que as familias reciban esa dose extra de ilusión no buzón!


MERCADILLO SOLIDARIO DE LIBROS

Un ano máis, coa chegada do mes de decembro, no noso cole organizamos o Mercado Solidario de Libros. Con esta iniciativa buscamos unir o gusto pola lectura cun xesto de apoio ás familias que están a pasar por momentos difíciles, animando a toda a comunidade educativa a implicarse.
O alumnado e as súas familias poden achegar 1 kg de alimentos non perecedoiros como arroz, pasta, legumes, leite, conservas, etc. Por cada quilo entregado, terán a oportunidade de levar un libro do noso posto solidario.
Todo o recollido destinarase á Cruz Vermella de Ribeira, que será a encargada de repartir os alimentos entre as persoas que o precisen.

📅O mercadillo estará aberto do 1 ao 12 de decembro.

Grazas por colaborar un ano máis e facer posible esta iniciativa solidaria. 📚❤️

MIGALLAS

Con motivo da celebración do 25N, o grupo de teatro Migallas visitou o noso colexio para compartir unha xornada chea de música, contos e reflexión. A actividade foi moi divertida e, ao mesmo tempo, permitiu que o alumnado aprendese valores fundamentais sobre o papel das mulleres na historia e a importancia de rexeitar calquera forma de violencia. Foi unha experiencia enriquecedora que nos axuda a seguir construíndo unha escola máis xusta, igualitaria e respectuosa.