Onte tivemos unha sorpresa moi agradable no noso cole: veu a carteira a recoller as cartas que preparamos con tanto cariño para as familias dos nenos e nenas. A carteira marchou cun sorriso enorme e nós quedamos coa sensación de que, ás veces, os pequenos xestos como enviar unha carta, poden converter un día normal nun día especial. Agora só queda esperar a que as familias reciban esa dose extra de ilusión no buzón!
Un ano máis, coa chegada do mes de decembro, no noso cole organizamos o Mercado Solidario de Libros. Con esta iniciativa buscamos unir o gusto pola lectura cun xesto de apoio ás familias que están a pasar por momentos difíciles, animando a toda a comunidade educativa a implicarse. O alumnado e as súas familias poden achegar 1 kg de alimentos non perecedoiros como arroz, pasta, legumes, leite, conservas, etc. Por cada quilo entregado, terán a oportunidade de levar un libro do noso posto solidario. Todo o recollido destinarase á Cruz Vermella de Ribeira, que será a encargada de repartir os alimentos entre as persoas que o precisen.
📅O mercadillo estará aberto do 1 ao 12 de decembro.
Grazas por colaborar un ano máis e facer posible esta iniciativa solidaria. 📚❤️
Con motivo da celebración do 25N, o grupo de teatro Migallas visitou o noso colexio para compartir unha xornada chea de música, contos e reflexión. A actividade foi moi divertida e, ao mesmo tempo, permitiu que o alumnado aprendese valores fundamentais sobre o papel das mulleres na historia e a importancia de rexeitar calquera forma de violencia. Foi unha experiencia enriquecedora que nos axuda a seguir construíndo unha escola máis xusta, igualitaria e respectuosa.
Hoxe, 25 de novembro, a comunidade educativa do CEIP de Olveira únese para reivindicar un mundo libre de violencia de xénero. No colexio traballamos a favor do respecto, da igualdade e da convivencia pacífica, lembrando que cada pequeno xesto conta para construir unha sociedade máis xusta. Que este día nos axude a reflexionar, a educar e a actuar, sempre desde o compromiso co benestar e a dignididade de todas as persoas.
O pasado 24 de outubro celebrouse o Día das Bibliotecas. Un día perfecto para lembrar o marabilloso que é perderse entre libros, descubrir historias novas e deixar voar a imaxinación.
Para conmemorar esta data tan especial, todos os rapaces e rapazas do colexio crearon un marcapáxinas moi artístico, inspirado no PDI deste ano: a arte. Houbo cores, formas e moooita creatividade.
A biblioteca encheuse de sorrisos, ideas e moita ilusión. Agora cada lector e lectora do cole poderá acompañar as súas lecturas cun marcapáxinas único e feito con todo o cariño.
Porque unha biblioteca non é só un lugar con libros: é un espazo de descubertas, soños e aprendizaxes compartidas.
Hoxe foi un día moi especial no noso centro, xa que celebramos o Día dos Dereitos do Neno. Ao longo da xornada, falamos da importancia de promover, respectar e protexer os dereitos de todos os nenos e nenas do mundo, sen excepción. Coa axuda da mestra de música, elaborouse un vídeo con todos os nenos e nenas do noso cole.
Onte tocaba celebrar o magosto, e xa sabedes o que iso significa: castañas, risas e moooita festa! Pero este ano o tempo en Galicia puxo o seu gran de area (ou mellor dito… de auga!!!). Choveu tanto e facía tanto vento que tivemos que facer o magosto dentro do colexio.
Aínda así, non quedamos sen comer mooooitas castañas! Porque xa o sabemos ben: en Galicia, chova ou vente, o magosto celébrase igual!
Chega o Magosto!!!!!! O vindeiro martes día 11 de novembro ás 11:45 horas, as castañas invadirán o CEIP de Olveira e prometerán facer do noso día unha festa chea de sabor, música e moooitos xogos divertidos!
Haberá castañas quentiñas para todos/as, acompañadas de música que nos farán bailar e moitos xogos tradicionais para que ninguén se quede sen participar.
Así que, prepara o teu maior sorriso e ven a gozar dun día inesquecible coas mellores castañas!!!!
O Samaín chegou ao cole e non deixou monicreque con cabeza. Menos mal que os nenos e nenas do CEIP de Olveira demostraron ser os máis valente de todos!!!! A festa comezou cun baile de medo ao ritmo xenial “No Samaín” de Paco Nogueiras. Houbo saltos, risas e moito maxín para espantar os malos espíritos. As nosas bruxas e pantasmas movéronse coma profesionais! E claro, unha festa do Samaín non é nada sen os seus PREMIOS TERRORÍFICOS: Primeiro, fixemos a entrega de premios dos cadros máis arrepiantes do colexio. Temos uns artistas que dan meeeeedo! Deixo por aquí un vídeo cos diferentes cadros:
Seguidamente, pasamos ao gran concurso de cabazas. Despois dunha deliberación mooooi sanguenta, as cabazas gañadoras foron:
A máis terrorífica, para a que non deixaba durmir!!!
A máis simpática, tan riseira que daba envexa!
A máis elaborada, unha obra de arte de auténtico susto!
A máis tradicional, a esencia do Samaín na súa forma máis pura!
Ademais, os nenos e nenas de 5º de EP contaron contos de medo inventados por eles/as mesmos/as aos máis peques do cole!!!!!! Deixo por aquí unhas fotiños:
Foi un día espectacular, cheo de ledicia, creatividade e moitas ganas de celebrar as nosas tradicións.
FELIZ SAMAÍN A TODOS E TODAS! Que teñades uns doces soños!!
Ola a todas e todos! Xa chegou de novo esa época do ano na que o misterio e a creatividade toman o protagonismo no noso centro. O Samaín está ben vivo entre nós, e durante estas semanas estaremos creando, pintando e decorando con moita ilusión. Temos xa unha chea de propostas fantasmagóricas, e pronto descubriremos…cales serán os cadros máis terroríficos que lograrán arrepiar ata ao máis valente? E as cabazas, que marabilla estades a preparar…! Seguimos gozando das vosas fantásticas creacións e, por suposto, agardamos as vosas novas aportacións.