O Quercus robur L. (ás veces considerado Quercus pedunculata) coñécese normalmente como carballo común[1], carballo veriño, carballo bravo ou simplemente carballo.
O carballo é unha árbore anxiosperma da familia das fagáceas, caducifolia, que pode chegar aos 15-20 metros de altura. Esténdese por zonas de clima atlántico en calquera tipo de terreo, tanto en chairas como en ladeiras rochosas, desde o nivel do mar ata os 1 000 metros de altitude. É unha árbore robusta, que pode vivir varios séculos e acadar os 40 metros de altura con pólas que comezan xa desde a parte inferior.
Cando a formación é monoespecífica, só de carballos, o bosque é denoninado carballeira. Se se mesturan outras especies de clima atlántico chamámolo fraga. Foi a especie máis abundante e dominante na Europa atlántica e segue a ser predominante no interior de Galicia.
A madeira do carballo é de excelente calidade e foi moi empregada na construción de embarcacións, trabes e estruturas das casas (cubertas, forxados), travesas do camiño de ferro etc., así como na fabricación de mobles e toneis. Tamén foi e segue a ser o principal combustíbel das lareiras e cociñas galegas. O carballo tamén tivo uso ornamental nos lugares públicos de Galicia (parques, feiras, arboredas). Algúns exemplares moi vellos (carballas) acadan dimensións importantes.
É a árbore por excelencia de Galicia. A toponimia galega está chea de referencias a esta árbore (fitotoponimia): Carballal, Carballedo, O Carballiño, A Carballa etc. Aparece tamén en moitos apelidos: Carballo, Carballedo, Carbajal etc. Ademais, a cultura e as lendas galegas artéllanse arredor desta árbore, chea de espiritualidade e pasado sagrado, sempre vencellado á forza (rexo ou forte coma un carballo). Tamén é a árbore sagrada do País Vasco, de Alemaña e, en xeral, da cultura celta.[Cómpre referencia]
O termo carballo en Galicia acolle outras especies ademais do Quercus robur L., como o carballo branco ou albar (Quercus petraea), o carballo cerquiño (Quercus pyrenaica), en menor medida a aciñeira (Quercus ilex) ou a sobreira (Quercus suber) e, máis recentemente, o carballo americano (Quercus rubra).
O Quercus robur é unha árbore monoica de grande envergadura e folla caduca (ás veces, no sur de Galicia, marcescente) duns 15-20 metros de alto (excepcionalmente acada os 40 m). A circunferencia vai dos 4 aos 12 m nas carballas máis vellas de Galicia, Asturias ou das Illas Británicas. O carballo de Kaive, na Letonia, cunha circunferencia de 10,2 m, é a árbore máis grosa de Europa. O tronco é groso e curto; a casca, cincenta ou acastañada, crebada. A copa é ampla, ovada ou irregular. Adoitan darse as formas tortas e bugallos.
Follas: o Q. robur ten follas de 7–14 cm de longo, alternas, simples, caedizas, cun pecíolo curto de 2–7 mm de longo, e lámina obovada, glabra, pinnatilobada, con 4-6 pares de lóbulos desiguais, anchos, ovado-oblongos, redondeados no ápice. Nalgúns exemplares, especialmente no sur de Galicia, onde o clima é máis temperado, a folla non chega a caer no inverno, aínda que si cambia a cor (marcescencia).
Flores: unisexuais, as masculinas en candeas penduradas e amarelas, pequenas, con cálice 5-7 lobado e 5-10 estames. Flores femininas subsésiles, en grupos de 2(3) penduradas no extremo dun longo pedúnculo, cada unha con invólucro basal ou cúpula formada por numerosas brácteas escuamiformes soldadas entre si, cálice moi reducido e un xineceo tricarpelar sincárpico de ovario ínfero e 3 estilos.
Froito: de tipo noz (landra) oblongo, duns 2 cm de longo, de pericarpo liso, verde-pardo, apiculado, con cúpula endurecida a xeito de carapucho, pouco áspera, denominada cascabullo.
Floración: florece na primavera, ao mesmo tempo que agroman as follas (rebentos vermellos); as landras maduran a finais do verán e caen a principios do outono.
É unha árbore moi lonxeva. Crese que o carballo de Stelmužė, na Lituania, ten uns 1 500 anos, o que o converte na árbore máis vella de Europa; doutro exemplar, ao que lle chaman Kongeegen (‘Carballo dos Reis’), pénsase que ten 1 200 anos e fica en Jaegerspris, Dinamarca. Tamén hai bos exemplares en Alemaña e nas Illas Británicas.
En España hai bos exemplares no País Vasco; a venerada árbore de Gernika pertence a esta especie. En Asturias, na Reserva Natural Integral de Muniellos, atópase o Carballo de San Valentín, de 11 m de circunferencia. Ten uns 750-850 anos.
En Galicia atopamos exemplares salientábeis en todos os concellos. Na entrada da vila de Taboada existe o Carballo de Ramos, que lle dá nome á parroquia San Tomé do Carballo. En Silleda hai un bo exemplar a carón do Pazo de Taboada. No Incio tamén hai bos exemplares de castiñeiros e carballos na parroquia de San Pedro e, na parroquia de Val de Mao, hai unha vella carballa catalogada entre as de maior porte de Galicia.
FONTE: http://wikipedia.org