O castiñeiro común (Castanea sativa), tamén coñecido popularmente como castiñeiro bravo, castiro, uriceiro ou castieiro, é unha árbore caducifolia da familia Fagaceae apreciada pola súa madeira e os seus froitos comestíbeis, as castañas. Moitos exemplares acadan unha gran lonxevidade e teñen unha longa historia que se pode remontar a varios séculos.
Orixinario do sur de Europa e de Asia Menor, a súa presenza nestas áreas xeográficas débese a que durante a última glaciación, o castiñeiro atopou zonas de refuxio nas costas cantábrica e atlántica da Península Ibérica, así como na Península Itálica e na Península de Anatolia, sendo moi común nos montes de Galicia. Contrariamente á crenza popular que di que o seu espallamento data da época romana, é en realidade unha árbore autóctona galega, que xa estaba presente no noroeste da península hai máis de 20.000 anos.
A verba galega “castiñeiro” ou a súa variante “castañeiro/a” (castanheiro en portugués) vén do latín castanea, á súa vez derivado do grego kastanon. Este nome faría referencia a Kastanon, unha vila de Tesalia sonada na antigüidade pola calidade das castañas alí apañadas. Castanea era o nome antigo que se lle daba ao carballo antes de chegar o castiñeiro a Roma. Sativus significa ‘cultivado’ en latín. A castaña foi apelidada “árbore do pan” pola bondade nutritiva dos seus froitos. Estes substituíron aos cereais en moitas zonas de Europa, coma nas Cevenas, ao sur de Francia.
Árbore que pode superar facilmente os 20 metros e acadar gran lonxevidade.Casca é lisa de cor cincenta ou parduzca na xuventude, pasando despois a castaño-escura e agrietada lonxitudinalmente. O tronco é curto e groso nos exemplares culitivados, e máis esvelto nos silvestres.
As follas son estreitas, alternas, coa beira moi dentada, peludas no envés cando son novas. Miden entre 10 e 25 cm de longo por 3-7 cm de ancho e teñen uns 20 pares de nervios paralelos e prominentes polo envés. As flores son unisexuais: as masculinas reciben o nome de candeas e distribúense ao longo dun eixo; as femininas (con sete a nove estilos prominentes e un cáliz con 5-8 lóbulos) na base do amento, xeralmente en tríos dentro dunha roseta de espiñas. As plantas son monóicas, con flores masculinas e femininas sobre a mesma planta.
Os froitos preséntanse en grupos de dous ou tres e están recubertos por unha casca verde con espiñas (o ourizo) de até 4 cm de diámetro que se abre en catro valvas. Cando o ourizo contén tres castañas, a central é máis pequena e con dúas caras planas, sendo as dos extremos coa cara interna plana e a externa convexa. Cada castaña (aquenio) está protexida por unha cuberta correosa de cor pardo-roxizo , lustrosa no exterior e aterciopelada por dentro, coa base de cor máis clara. Contén normalmente unha sóa semente cunha cuberta membranosa pardo-amarela (epispermo).
A época da recollida das castañas é novembro, e en Galicia celébrase co magosto.
FONTE: http://wikipedia.org