LIMOEIRO

SpencerWing, “Sen título”, en pixabay.org, licenza Pixabay License

O limoeiro[2] (Citrus limon) é unha pequena árbore perenne, da familia das rutáceas, que pode alcanzar os 6 m de altura; posúe cortiza lisa e madeira dura e amarelenta moi apreciada para traballos de ebanistaría. Forma unha copa aberta con gran profusión de pólas, as súas follas son elípticas, coriáceas de cor verde mate (de 5 a 10 cm), acabadas en punta e con bordos ondulados ou finamente dentados. As aromáticas flores presentan grosos pétalos brancos tinxidos de rosa ou violeta na parte externa, con numerosos estames (20-40). Xorden illadas ou formando pares a partir de xemas coloradas.

O limoeiro é orixinario de Asia e foi descoñecido por gregos e romanos, sendo mencionado por primeira vez no libro sobre agricultura Nabathae contra os séculos III ou IV. O seu cultivo non foi desenvolvido no oeste até despois da conquista árabe, estendéndose entón por toda a costa mediterránea onde se cultiva abundantemente, debido á benignidade do clima, para consumo interno e de exportación.

O seu froito, o limón, posúe un alto contido en vitamina C (501,6 miligramos) e ácido cítrico (49,88 gramos) por litro. Utilízase para elaborar sobremesas ou bebidas naturais como a limoada. Era moi utilizado entre os antigos mariñeiros que pasaban longos períodos no mar sen acceso a outras froitas ou hortalizas, para evitar o escorbuto.

Existe unha ampla gama de variedades de limoeiros, existindo limóns doces (máis grandes e con pel agradábel) e limóns de tamaño medio (máis agres). Hai variedades de colleita estacional (no outono e inverno), e hai outros de colleita perpetua (case todo o ano).

Tamén hai variedades de lima, que son uns pequenos limóns de cor verde e moito máis agres. En América son moi populares.

O limoeiro é unha árbore perenne, a miúdo con espiñas, que pode acadar os catro metros de altura, coa copa aberta moi ramificada. As súas follas son alternas, simples, coriáceas, con limbo elíptico de marxe máis ou menos pechado, glanduloso e que, á súa vez contén unha nervación penninervial, a inserción do seu talo é peciolada e a súa disposición é alterna. É de cor verde mate lustroso duns 5–10 cm de longo e con pecíolo cilíndrico articulado.

As flores son solitarias ou organízanse en pares ou inflorescencias curtas corimbosas axilares. O cáliz ten entre catro e sete (xeralmente cinco) sépalos de forma triangular soldados entre si e a corola está formada por igual número de pétalos, libres, elípticos alongados, espesos, externamente glandulosos, brancos tinguidos de rosa ou violáceo no envés. O androceo está formado por numerosos estames (20–100) e o xineceo presenta un ovario ínfero con estilo groso rematado por un estigma mazudo máis ou menos lobulado. Ese ovario deriva nun froito bacciforme en hesperidio con ata 18 lóculos. As súas sementes, que poden faltar por partenocarpia, son de forma máis ou menos ovoide, abrancazadas ou amareladas, centimétricas, sucadas irregularmente e lonxitudinalmente.[3]

Notas

[2] Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para limoeiro.

[3] Citrus en Flora Ibérica, RJB/CSIC, Madrid.

FONTE: http://wikipedia.org