E xa estamos de volta con novos proxectos para o curso que acaba de comezar. As nenas e os nenos de 2º de Primaria fixeron tarefas de coidado e limpeza no seu horto escolar. E puideron observar de primeira man canto medrara o pexegueiro durante o verán.
Durante este curso todo o alumnado do cole de Olveira, xunto co profesorado, realizamos moitas actividades relacionadas co coidado e a protección da natureza. Plantamos pementos, grelos, cenorias, cabazas e fabóns no horto escolar. Tamén fresas en macetas grandes e pequenas. Plantamos, observamos e coidamos moitas árbores froiteiras como nogueiras, maceiras, pereiras e oliveiras. Asemade reflexionamos e falamos sobre accións da nosa vida cotiá que contribúen ao coidado e respecto do medio ambiente, a un consumo sostíbel e ao aforro de enerxía. Fixemos murais informativos e tamén saídas ao Parque Natural, observando de primeira man os danos do refugallo abandonado na praia da Ladeira.
Agradecer dende aquí a colaboración das familias con diferentes actividades, como a plantación de árbores autóctonas, e desexarvos a todos e a todas un bo verán.
Os nenos e nenas de varios cursos de Primaria fixeron unha saída, o pasado venres, ás dunas e a praia da Ladeira. Desfrutaron moito do entorno natural e recolleron lixo abandonado na praia. Observaron de primeira man o dano que o refugallo fai ao medio ambiente.
Estes días, na área de Inglés, o alumnado de 6° de Primaria fixo un mural onde plasmou as súas suxestións e reflexións para mellorar o coidado do medio ambiente e parar o cambio climático.
Todos os nenos e nenas propuxeron prácticas na vida cotiá que favorecen a reciclaxe e un consumo ecolóxico e sostible.