
IMAXEN
Tumisu, Pódcast auriculares micrófono onda, en pixabay.com, licenza CC 0
O facer radio no cole é unha actividade moi satisfactoria para os rapaces, pero se queremos compartir esta experiencia con toda a comunidade educativa e incluso con outros centros que, coma o noso, están a traballar con este recurso, o mellor xeito vai ser a través da rede.
Internet, como calquera gran avance da tecnoloxía, non é nin bo nin malo. O bo ou malo é o uso que se fai del, de aí que podemos aproveitar esta situación para educar en materia de redes, e inculcar no noso alumnado un uso xeitoso desta ferramenta.
Se facemos unha procura rápida pola rede, vemos que dende diferentes estamentos se están a crear directrices para inculcar na poboación en xeral, e nos máis novos en particular, uns hábitos sans do uso de internet e as redes sociais. Basicamente todas elas coinciden en varios puntos:
- Limitar ou controlar o tempo ante as pantallas.
- Non aportar os teus datos a calquera: dirección, teléfono, conta bancaria,…
- Pensar dúas veces antes de publicar algo.
- Utilizar unha linguaxe axeitada, e aportar emoticonas para expresar o carácter do texto.
- Visitar só sitios de confianza.