Os micrófonos son os aparellos que utilizamos para captar os sons. Como podedes imaxinar, existen moitos tipos de micrófonos que foron evolucionando ao longo da historia para capturar o son da mellor maneira posible en diferentes situacións.
Podemos clasificar os micrófonos tendo en conta varios aspectos. Nós imos a centrarnos en dous: a súa construción e os seus patróns polares (curva de captación do son).
2.1.1 MICRÓFONOS SEGUNDO A SÚA CONSTRUCIÓN
– Micrófonos dinámicos: son aqueles que recollen o son a través das variacións de presión que exercen as ondas acústicas no diafragma. Son os máis populares pola súa robustez e versatilidade. O seus usos son moi diversos: dende a captación de instrumentos de percusión, harmónicos, melódicos, voces… Normalmente son de ‘campo próximo’ polo que é necesario achegalo moito á fonte sonora para captar o son pero tamén é máis difícil que se colen sons que non precisamos.

No noso centro temos micrófonos t.bone MB85, unha copia económica e cunha relación calidade-prezo moi boa dos míticos Shure SM58 (no 90% dos concertos que vemos os/as vocalistas utilizan estes micrófonos). Foron mercados para instalar de xeito permanente no obradoiro de radio pero, despois de facer varias probas, preferimos cambialos por outros que veremos a continuación xa que a captación de voces, nesa contorna, era moito máis nítida.
Neste curso, por mor do COVID e para tratar de achegar as actividades que se realizan no centro a todo o alumnado, mercamos un micrófono sen fíos de diadema: VONY VHF PT-218. Trátase de un micrófono dinámico, de ‘campo próximo’, cun sistema de axuste de diadema e unha ‘petaca’ (emisor) que recolle o son e envíao sen fíos ao receptor. É importante saber que a ‘petaca’ vai alimentada por pilas AA polo que hai que telo en conta á hora do seu uso. O receptor pode ser conectado a onde precisemos para tratar o son en función da actividade. Son micrófonos moi cómodos porque permiten total liberdade de movementos aos locutores.

– Micrófonos de condensador: funcionan cun condensador que é quen de xerar electricidade dependendo da distancia entre os seus dous compoñentes (membrana e placa). As ondas de son moven a membrana en maior ou menor medida e así fan funcionar o condensador. Para facelo, este sistema necesita estar cargado cunha corrente de 48v (Phantom). Os micrófonos de condensador, á súa vez, diferéncianse polo tamaño da súa membrana. Poden ser de diafragma grande e de diafragma pequeno.

Estamos ante trebellos moito máis delicados que os anteriores. Acostuman a ser utilizados como micrófonos de ambiente, xa que son quen de recoller sons máis afastados que os micrófonos dinámicos.
o cole temos catro micrófonos deste tipo, de diafragma pequeno, son os t.bone SC140, e foron mercados pensando na súa utilización para a gravación de cancións, obras de teatro,… Ao final son os que están montados tamén no obradoiro da radio xa que recollen a voz de xeito moi nítido nese espazo e permite que os/as locutores poidan estar menos pendentes dos micrófonos e máis das ‘escaletas’ e da súa propia interpretación.
– Micrófonos de cinta: este tipo de micrófonos funcionan gracias a unha tira fina de aluminio que se move entre dos imáns. Son micrófonos extremadamente delicados, utilizados só en estudos de gravación e que precisan duns coidados e mantementos moi grandes polo que non son moi axeitados para o tipo de traballo que imos facer nós na radio.
2.1.2 MICRÓFONOS SEGUNDO OS SEUS PATRÓNS POLARES
Coñécese por ‘patrón polar’ á curva de captación do son que ten cada un dos micrófonos. Tendo en conta estes patróns, cada micrófono será máis axeitado para uns usos e menos para outros. No seguinte esquema podemos ver claramente as curvas máis comúns:

No caso concreto dos micrófonos que temos no centro, e despois de consultar as súas fichas técnicas, sabemos que todos os micrófonos que temos no obradoiro de radio t.bone MB85 , VONY VHF PT-218 , t.bone SC140 teñen un patrón cardioide, polo que captan o son que está directamente diante deles (e un pouco polos laterais).