
IMAXEN
Viki_B, Boy Radio Retro, en pixabay.com, licenza CC 0
Como todas as cousas complexas, a creación dunha radio na escola non se fai da noite para a mañá. Acostúmase a pasar por unha serie de fases ou etapas onde se van completando unhas determinadas aprendizaxes, tanto de conceptos como de procedementos. Estas aprendizaxes precisan tamén dun tempo para o seu asentamento e organízanse de xeito construtivo, unhas aprendizaxes serven de base para as seguintes.
Tendo en conta todo isto, tanto as fases como a súa duración van depender das características propias de cada centro e da súa evolución, polo que non tomedes este apartado como un dogma a seguir senón máis ben como unha orientación.
PRIMEIRA ETAPA: Gravación de Podcast (con postprodución)
Esta primeira etapa é na que, tanto alumnado como profesorado, se familiarizan co ‘hardware’, o ‘software’ e os ‘roles’ existentes en toda produción radiofónica. Noutras palabras: imos aprender o manexo básico dos micrófonos, gravadoras, programas de gravación,…, así como a elaboración de guións e a súa locución en voz alta diante dun trebello que, a priori, intimida un pouco.
As gravacións, como é lóxico, van precisar moita postprodución (cortes, repeticións, efectos de son, música de fondo,…) para despois acadar un arquivo de son cunha calidade ‘aceptable’. É de supoñer que tamén comezaremos a introducirnos no manexo dos programas informáticos necesarios para estas tarefas.
Neste primeiro momento o produto final dos nosos traballos serán arquivos de son, retocados, que se publicarán en algún lugar da internet para compartir con toda a comunidade educativa: Podcast.
Os recursos necesarios nesta etapa non son moi grandes. Cun aparello que permita gravar (gravadora, móbil, ordenador…), un programa que nos deixe editar o son (Audacity,…), un pouco de imaxinación e algo de tempo xa temos todo o necesario.
O que caracteriza a esta etapa é que imos a gravar ao alumnado por quendas, cada un as súas frases (seguidas ou intercaladas), e despois todo isto se edita e se mestura con música para conseguir o podcast final.