Gravación de Podcast en directo (con postprodución)
Esta segunda etapa está a medio camiño entre a gravación das voces para un podcast que despois van ser editadas e posteriormente mesturadas con cancións (etapa anterior); e a gravación dun programa de radio en vivo que despois non vai poder ser editado (etapa posterior).
Esta etapa esixe unha maior preparación previa de cada programa. Os locutores deberán ter ben ensaiados os guións para que o programa saia o máis fluído posible.
De momento, a non ser que contemos con alumnado moi hábil en temas de tecnoloxía, o posto de técnicos/as serán ocupados aínda por algún docente. Debemos ter un bo manexo das ferramentas tanto físicas (micrófonos, mesa, tarxetas de son,…) como do software (programas informáticos de rexistro ou mistura do son).
A necesidade de recursos increméntase xa que imos precisar dun número maior de micrófonos, auriculares,…, unha mesa de mesturas (ou tarxeta de son externa) e un lugar onde poder montar todo o equipamento.
A diferenza coa etapa anterior é que, a sensación do alumnado é a de estar nun programa de radio real (cada un co seu micrófono e os seu auriculares). Polos seus cascos van escoitar a súa voz, as voces do resto dos locutores e a música de fondo subindo e baixando o volume para dar paso a cada unha das intervencións. A situación, ao principio, intimida un pouco sobre todo aos máis tímidos.
O importante nesta etapa é que o único que rexistra (grava) o ordenador son as voces, sen música, polo que despois temos opción a editalas e mesturalas coa música antes de crear o noso podcast final de un só arquivo para ser publicado. Se a progresión é a axeitada, nesta etapa teremos que editar as voces moito menos que na etapa anterior.