ROLES DENTRO DA RADIO

IMAXEN
jobbe, Al aire micrófono radio grabación, en pixabay.com, licenza CC 0


Á hora de elaborar un programa de radio podemos atopar tres roles ben diferenciados: redactores, locutores e técnicos. Dende o noso punto de vista é interesante que todo o alumnado que participe nestes obradoiros teña un mínimo de experiencia nos tres roles, para que se faga unha idea clara das funcións de cada un deles e da contribución de cada quen no total do proxecto. Máis adiante, como sucede acotío con outras actividades, eles mesmos van ir decantándose por algún dos tres en función das súas preferencias persoais, de onde se senten máis cómodos ou do que se lle dá mellor.

REDACTORES

Son os encargados de confeccionar os ‘guións’ primeiro, e máis adiante as ‘escaletas’, dos programas de radio. Poñeremos especial fincapé en que utilicen un vocabulario axeitado, con oracións curtas e con certa corrección dende o punto de vista gramatical.

Terán que buscar información veraz sobre os temas tratados, investigando a orixe das súas fontes para evitar difundir, inconscientemente, datos errados ou incompletos. Tamén é importante a procura de vocabulario específico de cada tema, o que dará maior veracidade aos temas tratados.

Deberán ter en conta o tipo de programa que están elaborando e adaptar a súa redacción en función deste.