Nunca vos preguntáchedes como é posible que o reprodutor do noso coche saiba que canción está soando para poder escribila na pantalla como por arte de maxia? Pois é grazas ao metadatos.
Os metadatos son atributos que describen o contido dun arquivo de son, por exemplo o título da canción, o autor ou a data na que se gravou… Non tódolos formatos de son admiten o tema dos metadatos, pero o formato no que acostumamos a traballar nas radios escolares (MP3) si que o admite.
É interesante que, á hora de publicar os nosos podcast, os arquivos de son leven cubertos os metadatos. Deste xeito, calquera que acceda ao arquivo poderá ter máis información sobre quen o gravou, onde, cando…; e tamén podemos aproveitar un dos campos dos mesmos para facer a referencia aos autores/as das músicas que utilizamos en cada un dos podcast.
Despois de facer algunha busca na rede, e de consultar á xente de “Ponte nas Ondas” para saber se había algún criterio unificada á hora de cumprimentar esta información das radios escolares, parece ser que de momento non hai un criterio unánime, polo que cada radio complétao como mellor lle parece.
Ao exportar un podcast xa mesturado dende Audacity, aparece a pantalla seguinte para encher cos metadatos.

Dende ‘Supercoleondas’ propoñemos poñer os metadatos dos podcast do seguinte xeito:
- NOME DO ARTISTA: O nome do grupo ou do alumnado que creou o podcast.
- TÍTULO DA PISTA: O título do podcast ou programa.
- TÍTULO DO ÁLBUM: O nome da radio onde se gravou.
- NÚMERO DE PISTA: – baleiro –
- ANO: O ano de gravación.
- XÉNERO: “Podcast” ou “Programa en directo”
- COMENTARIOS: A referencia que facemos dos audios utilizados tal e como o facemos na publicación do podcast no servidor de aloxamento dos mesmos e nas nosas bitácoras ou webs, como vimos no apartado anterior.