TERCEIRA ETAPA

Gravación de Podcast en directo (sen postprodución)

Nesta terceira etapa, grazas á experiencia e ás aprendizaxes adquiridas na etapa anterior, xa podemos pensar en facer gravacións de programas en directo, é dicir, sen necesidade de edición nin rectificacións posteriores.

Esta etapa esixe unha maior preparación previa de cada programa. Os guións simples pasan a converterse en ‘escaletas’ nas que, ademais do texto a narrar, deben aparecer outro tipo de datos como: os tempos, as cancións, efectos de son,…

Asemade, os locutores/as, deben preparar ben os textos e estar acostumados a falar en voz alta, con boa dicción, expresividade, tranquilidade,…

Os que ocupen o posto de técnicos/as teñen que ter un bo manexo das ferramentas tanto físicas (micrófonos, mesa, tarxetas de son,…) como do software (programas informáticos de rexistro ou mistura do son).

A necesidade de recursos tamén se incrementa xa que nesta etapa precisaremos dun lugar cunha preparación acústica mínima para que o rexistro de todo o acontecido nos programas que gravemos sexa o máis limpo posible (sen ruídos externos, ecos ou reverberacións,…)